RECHOUCHÍOS

Hoxe, venres 19 de maio, Leo Leíño tráenos á Biblioteca Pública Municipal de Moaña, en Quintela, ás 18.00 h, o espectáculo de maxia e humor: Entre libros anda a maxia.

Ilusión, risas e libros xunto coa diversión para toda a familia. Coa participación dos nenos e das nenas que queiran ser axudantes da maga e facer que todos e todas o pasen moi moi ben.

Recomendado para nenas e nenos de 6 a 14 anos.

Hoxe, venres 12 de maio, Soledad Felloza tráenos á Axencia de Lectura de Domaio, ás 18.00 h, a narración oral: Unha viaxe ao mundo de Carlos Casares.

O mundo Casares ten galiñas azuis, laranxas máxicas, galos especiais, polbos que percorren as rías no alto dunha dorna, cartas viaxeiras, bicicletas valentes. A través das historias percorreremos un universo creado a partir de feitos cotiás, que se volven máxicos nun intre.

Esta actividade está recomendada para nenas e nenos de 4 a 11 anos de idade.

Ai… As Fedellas. Había una vez dúas rapazas que viñan de moi, moi lonxe. Elas chamábanse Purpurina e Brillantina e viñan do mundo dos contos, da fantasía e da imaxinación.

Eran rapazas educadas, elegantes, con saber estar e… algo extravagantes. Vale, extravagantes só ás veces. O que si lles gustaba era contar os contos a súa maneira… e pódovos asegurar que elas teñen un estilo moi persoal.

E co seu estilo persoal van estar en Moaña o vindeiro venres 5 de maio, ás 18.30 h, no edificio multiusos de Meira con A bolboreta Roseta. O espectáculo empeza sempre coa presentación das personaxes (Brillantina e Purpurina) e comezan a contar o conto sempre involucrando o público, tanto o público infantil como o adulto, de maneira que a historia se volva amena e divertida.

A historia complétase con música, trucos de maxia, efectos sonoros e baile.

A bolboreta Roseta é a historia dunha bolboreta que quería ter as súas ás cheas de diferentes cores como o resto das súas compañeiras…

Este contacontos está recomendado a partir dos 3 anos de idade.

Este venres 28 de abril, na Axencia de Lectura de Domaio, ás 18.00 h, temos a Talía Teatro que nos traen Rosa Caramelo e outras historias. Trátase dunha comedia infantil, orientada especialmente para nenas e nenos de 4 a 8 anos e as súas familias.

Resumo:

Illada nun xardín, Margarita é a única elefanta do grupo que non consegue que a súa pel sexa da cor rosa caramelo. Cando os seus pais desisten desa idea, descubrirán o significado da liberdade, e abrirá o camino da igualdade para as súas compañeiras.

Un espectáculos para nenos e nenas onde se lle dá a volta a roles e estereotipos de xénero.

Nesta montaxe composta de catro historias nas que se combinan a palabra e a música en directo, tratarase de crear una atmosfera adecuada para demostra unha serie de ideas impostas e simplificads, pero fortemente asumida, sobre actitudes e aptitudes das mulleres e dos homes.

Artur Trillo, dirixido por Paula Carballeira, contaranos as historias de Rosa Caramelo, A historia dos bonobos con lentes, Artur e Clementina e Unha feliz catástrofe, de Adela Turin.

Esta actividade está organizada dentro do Programa Ler Conta Moito da Xunta de Galicia

A entrada é de balde ata completar aforo.

Este venres, 7 de abril ás 6 da tarde, na Axencia de Lectura Municipal de Tirán contaremos con Tarabelos e O traxe novo do rei.

Esta actividade recomendada para nenas e nenos dos 3 anos en diante e familias está creada a partir do conto de Hans Cristhian Andersen. Trátase dunha narración ilustrada con monicreques de boca, monicreques de mesa e miniaturas.

Sinopse:

Un traxe especial, para un rei especial!

Aquel traxe novo e máxico prometía ser un capricho inigualable e unha ferramenta perfecta para saber o nivel de intelixencia de calquera habitante da corte; mais… podería ser certo?, funcionaría? Dalgún xeito si, pero non como el o esperaba.

Este sábado, 1 de abril ás 6 da tarde, temos no auditorio de Quintela a Caramuxo Teatro con Feo! unha comedia para nenos e nenas dos 3 anos en diante e familias, creada a partir do Parrulo Feo de Hans Cristhian Andersen.

A pequena fábrica de parrulos de goma “Il Papero Giallo” produce todos os días centos e centos de parrulos do mesmo tamaño e cor, mais un día sae un parrulo diferente…

Feo! é un canto á diversidade e á esencia dun mesmo, una comedia para toda a familia.

Feo! recibiu o Premio María Casares 2016 ao mellor Espectáculo Infantil!

O venres, 24 de marzo, temos na Axencia de lectura de Domaio, situada no Centro Sociocultural Rosalía de Castro, ás 18.00 h, ao Mago Paco con Hocus Pocus dirixido a público familiar e infantil recomendado a partir dos 3 anos de idade.

Seguindo a súa tónica de humor, o mago Paco ofrécenos un espectáculo de maxia infantil cheo de risas, cor e moitas sorpresas.

A maxia do mago Paco caracterízase pola posta en escena de elementos visuais que provocan unha dinámica constante enriba do escenario. Deste xeito, ningún espectáculo é igual, todo depende da resposta do público, sobre todos dos máis cativos e cativas, xa que está pensado para xogar, rir, brincar, actuar… e formar parte activa do seu fantástico mundo cheo de emocionantes aventuras.

Unha proposta diferente cun espectáculo moi participativo, cheo de complicidade entre o mago e o seu público e de momentos ilusionantes, divertidos, tolos, emotivos e, sobre todo, inesquecibles para pasar en familia.

Baobab Teatro: Contos para un caldiño

Andrea é quen de facernos un caldo atípico, un caldo que precisa duns ingredientes moi especiais, un caldo con sabor galego. O principal ingrediente que se precisa son orellas que escoiten, outros ingredientes que lle darán sabor a este rico caldo son os contos, contos visuais, contos tradicionais e contos dramatizados aderezados con bonitas cantigas.

Contos para un caldiño convida ao público a escoitar e a deixarnos levar polos contos e polos obxectos visuais que se presentan, así, un chapeu que non é un chapeu, unha tesoira non é unha tesoira.

Entre todos e todas construiremos un caldo máxico con poderes especiais para converternos en máis altos, máis rápidos e máis fortes, se así o queremos…

O espectáculo consiste en ir cociñando contos e historias para que cheiren mellor, nos entren polo nariz e poidamos degustalas.

Contos para un Caldiño é un espectáculo para público familiar a partir dos 3 anos, divertido e dinámico, onte poderemos gozar das historias que se rescatan do aire.

Este venres, 10 de marzo ás 6 da tarde, comezamos na Biblioteca Pública Municipal de Quintela, o primeiro rechouchío deste ano cos contadores de contos para público infantil Codia e Miolo que nos traen o espectáculo Contos mariños.

Esta actividade está recomendada para nenas e nenos de 3 anos en diante e as súas familias que poderán pasar unha hora divertida escotando diversos contos, entre eles, o relato da gaivota Antón: espectáculo de narración oral no que botando man do movemento, da música e das cancións conta a viaxe de Antón, unha cativa gaivota que abandona terra firme para chegar ás illas Brancas e facerse maior.

RECHOCHÍOS 2016

programa-rechouchios

programa-rechouchios-2