Dobraxe na escola

Dobraxe na escola

A Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Moaña, a través do Servizo de Normalización Lingüística, organiza a actividade lúdico educativa Dobraxe na escola que ten como finalidade achegarlle ao alumnado de varios centros escolares o mundo da dobraxe e contribuír a mellorar a súa competencia oral en lingua galega.

Nesta edición, dous consagrados actores e dobradores da escena galega, Manuel Pombal e Suso Pando (de FMEC Producións) fan un xogo dramático co alumnado no que amosan todos os pasos para elaborar unha película, desde a creación do guión ata a dobraxe. Para iso, van traballar aspectos básicos da comunicación oral, como a cadencia, a fonética, o ritmo, a intención… e outros aspectos tan importantes como a concentración, a empatía e o traballo en equipo.

Estes obradoiros comezan o vindeiro mércores 22 de abril nas aulas do colexio de Reibón. O xoves 23 realizaranse no colexio de Quintela e o venres 24 participarán os de Domaio. En cada centro van realizar catro sesións cuns 25 alumnos e alumnas por sesión polo que uns 300 escolares converteranse en protagonistas poñéndolles voz aos seus personaxes favoritos.