Correlingua 2012

O luns 14 de maio, nunha agradábel mañá de primavera, as nenas e os nenos da comarca participaron no III Correlingua do Morrazo.

Para desenvolver esta actividade, sobre ás 11 da mañá, foron chegando a Moaña escolares dos seguintes centros de ensino:

  • De Cangas: ceip S. Roque, ceip do Hío, ceip Espiñeira e o ies de Rodeira.
  • De Bueu: ceip Montemogos e ceip A Pedra.
  • De Marín: ceip Seixo, ceip O Carballal e ceip A Laxe.
  • De Moaña: ceip A Guía, ceip Reibón, ceip Abelendo, ceip Seara, ceip Tirán, ceip Quintela, eei Verducedo e eei O Con.

Para o alumnado máis miúdo que se concentrou nos arredores do palco da música, o profesorado encargado da programación tíñalles organizadas distintas actividades:

Uns pintaron murais con pintura de mans:

Outros xogaron aos aros musicais:

 

E tamén estiveron pendentes dos contos que lles leu e escenificou o alumnado do ies de Rodeira de Cangas, dirixido polo seu profesorado:

 

Ademais, debían vir cunha camiseta que tivese unha palabra escrita en galego: peixe, tenrura, vergoña, arco da vella, xoaniña, bico, estrela…

O resto das alumnas e alumnos co seu profesorado tiñan que se agrupar nas pistas de atletismo, na Xunqueira, é desde alí comezaron a marcha en defensa da lingua propia. Unha marea de persoas chegou ata as inmediacións do palco da música ao ritmo da música tradicional e pancartas reivindicativas.

1800 escolares, concentrados ao redor do palco da música, foron recibidos coa lectura dun manifesto en defensa do idioma galego co desexo de que no Morrazo agromen novos falantes da lingua de Rosalía, pois o galego podémolo converter na chave coa que abrirnos ao mundo.

A partir das 12, a rapazada cantou e bailou ao ritmo marcado pola grupo Pesdelán que interpretou, entre outras, as pezas A Carrasquiña, Camiño de Viseu, O Gharutiño, O Baiao… unha selección do seu traballo titulado Na punta do pé, un proxecto para aprender cancións, bailes e xogos do patrimonio tradicional galego e portugués dun xeito divertido e participativo; non hai más que ver a galería de imaxes.

 

O Correlingua é unha marcha do alumnado dos centros de ensino infantil e primario en defensa do uso e o prestixio do idioma galego organizada pola ASPG, A Mesa, CiG-ensino, etc. na que colaboran os equipos de dinamización lingüística dos centros de ensino participantes. Ademais, este ano contou coa colaboración do Concello de Moaña, a Federación de Anpas e a Comunidade de Montes de Domaio e Leite Ulla agasallou a rapazada con leite fresco. Velaquí algunhas panorámicas máis: