Deporte: Salta ao galego!

Campaña de dinamización lingüística no ensino no ámbito do deporte

INTRODUCIÓN

 O SNL do Concello de Moaña ten como unha das súas prioridades promover e coordinar redes de traballo para fomentar o uso do galego como lingua de relación entre a mocidade, sobre todo a través de potenciar novos ámbitos de uso. Para que este proceso sexa máis integral cómpre:

  • Estabelecer liñas de actuación entre a mocidade que inflúan de maneira positiva neste colectivo cara a eliminar os prexuízos lingüísticos existentes e mellorar a competencia lingüística noutros ámbitos de uso, como o ámbito do deporte.
  • Conseguir a plena galeguización dos colectivos, federacións e clubs deportivos.

 Xa que logo, o Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Moaña propón levar a cabo unha campaña de dinamización lingüística no ensino para galeguizar o sector do deporte en coordinación co Equipo de Dinamización Lingüística (EDL) do IES As Barxas durante o curso escolar 2011/12.

  OBXECTIVOS XERAIS

  • Potenciar un maior uso do galego entre a mocidade no ámbito do deporte.
  • Potenciar a presenza da lingua galega na internet.

 OBXECTIVOS ESPECÍFICOS

  • Fornecer recursos que axuden a coñecer o vocabulario específico do atletismo.
  • Aprender a xerar contidos galegos e en galego na rede no ámbito deportivo.
  • Coñecer as ferramentas relacionadas coa lingua e o deporte que ofrece a rede.
  • Aprender a traballar en equipo.

 DESTINATARIOS/AS

A mocidade e o ámbito deportivo.

 ACTIVIDADE

 O alumnado do centro de ensino das Barxas traballará na elaboración dunha guía deportiva sobre o atletismo. Esta guía inclúe:

  • Un pouco de historia sobre este deporte.
  • Principais probas que o compoñen.
  • Requisitos específicos (físicos, técnicos…) para poder practicalo.
  • Onde practicar esta actividade deportiva en Moaña.
  • Clubs deportivos de Moaña (historia do club, entrevistas a algún membro destacado do club e deportistas de elite nesta especialidade que sexan de Moaña).

 Para completar a guía, elaboraremos:

  • Un pequeno glosario de termos relacionados co atletismo.
  • Unha listaxe de páxinas web relacionadas con ese deporte e outros enderezos de interese. 

O soporte desta actividade é:

– Dixital: para incluír no blog creado no IES das Barxas: http://aguiadoatletismodasbarxas.blogspot.com.es

– Papel: elaboraremos uns trípticos co léxico do atletismo para distribuír entre os sectores implicados e facer máis visíbel a campaña fóra das aulas e uns adhesivos co lema da campaña: CARTEL, TRÍPTICO e adhesivo.

 Esta actividade conta coa coordinación e o asesoramento do SNL do Concello. O EDL do IES As Barxas conta no centro coa colaboración:

  • Do alumnado: selecciónanse os grupos que van traballar nesta guía.
  • Do profesorado de educación física: para axudarlle ao alumnado a preparar unha pequena historia sobre ese deporte, as regras do xogo e os requisitos específicos para practicalo.
  • Do profesorado de plástica: para deseñar a guía deportiva.
  • Do profesorado de galego: para elaborar o glosario de termos.

 PERIODIZACIÓN

 Esta acción desenvolverase durante o curso escolar 2011/12 do seguinte xeito:

Primeiro trimestre: o alumnado traballa sobre a historia do atletismo e os persoeiros destacados desde as súas orixes no eido internacional para acabar centrándose neste deporte no Morrazo e, especificamente, en Moaña. Consensuase un lema que defina a campaña. O alumnado propuxo o lema: Salta ao galego!

Segundo trimestre: centrarán o traballo en caracterizar as diferentes probas deste deporte, a súa metodoloxía e o material necesario para o practicar; tamén elaborarán un glosario de termos de campo do atletismo en galego e, na medida do posíbel, a equivalencia noutros idiomas.

Terceiro trimestre: entrevistarán atletas recoñecidos do Morrazo e de Moaña; elaborarán unha listaxe de páxinas web relacionadas con ese deporte e outros enderezos de interese. Con todo o material recompilado, elaborarán e deseñarán unha guía sobre o atletismo para difundir nas bitácoras xa mencionadas.