Mocidade

9/05/11

Ops! O português simples

Obradoiro para mostrar que a nosa vantaxe competitiva como galegas e galegos é a lingua

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Moaña, en colaboración co Equipo de Dinamización Lingüística do IES A Paralaia e do IES As Barxas, organiza para o alumnado destes centros de ensino o obradoiro Ops!, o português simples.

Trátase de ofrecerlle á mocidade unha actividade para desmontar o prexuízo lingüístico da falta de utilidade do galego pois serve de ponte para acceder ao mundo lusófono e constitúe unha vantaxe competitiva respecto do resto de España e de Europa.

A través de catro unidades didácticas ensínaselle ao alumnado a poñer en valor a lingua galega, facéndolle ver as súas potencialidades: a través do galego temos a vantaxe de podernos mover sen ter problemas lingüísticos nos países de fala portuguesa pois o portugués é a sexta lingua máis falada do mundo, é oficial en catro continentes e oito países como é o caso de Brasil, unha potencia emerxente. Tamén é a segunda lingua máis usada no Twiter despois do inglés.

Na primeira unidade o monitorado apréndelle ao alumnado como podemos ler os textos en portugués á galega; na segunda, móstrase o mundo que se expresa en portugués e cales son as nosas vantaxes competitivas como galegos e galegas; na terceira, o alumnado descobre o moito que sabe e o doado que lle pode resultar afondar moito máis; na cuarta, dáselle as claves para manexárense nas páxinas web nas que poden aprender por eles mesmos, de forma autónoma.

O obradoiro está desenvolvido polo monitorado de AGAL (Associaçon Galega da Língua) no mes de maio de 2011 nos dous institutos de Moaña e podedes atopar información sobre estes obradoiros no sitio: ops.agal-gz.org

Resumo – avaliación

No transcurso desta actividade, uns 230 alumnos e alumnas de ESO e de 1º de bacharelato interactuaron co monitorado. En xeral, amosáronse participativos e sorprendéronse ao descubriren que eran capaces de comprender, cun pequeno esforzo, a fala e a escrita portuguesa.

Nos grupos máis participativos, mesmo a ocasión deu lugar para realizar un pequeno debate ao rematar a sesión na que expuxeron as súas opinións e reflexionaron sobre o significado, a importancia e a vantaxe que lles supón aprender o portugués como lingua estranxeira xa que, ao sermos galegos e galegas, posuímos unhas destezas lingüísticas que nos permiten avanzar rapidamente na comprensión do léxico e na estrutura gramatical da lingua.

O profesorado que acompañou o seu alumnado durante o obradoiro tamén valorou positivamente esta actividade como un complemento ao seu labor docente e constataron a adecuación dos contidos das unidades didácticas coa idade da mocidade á que vai dirixida.



_ _ _ _ _ _ _ _ _ _ _ _ _ _ _ _ _ _ _ _ _ _ _ _ _ _ _ _ _ _ _ _

Preme aquí!

Campaña de dinamización lingüística dirixida á mocidade

O Servizo de Normalización Lingüística puxo en marcha no mes de maio a campaña de dinamización lingüística Preme aquí! dirixida á mocidade.

Esta campaña ten por obxectivos:

  • Facer visíbeis entre as mozas e os mozos os contidos galegos e en galego que existen na rede e que poden ser obxecto do interese deste colectivo.
  • Incrementar a percepción do galego como lingua útil nas tecnoloxías da información e da comunicación.
  • Estender o uso do galego como lingua habitual de comunicación entre a mocidade nas súas interaccións na rede.

Para isto, as entidades organizadoras elaboraron e editaron un tríptico informativo no que a mocidade terá a súa disposición unha listaxe de páxinas web, blogs e portais sobre banda deseñada, camisetas, música, xogos na rede e as páxinas propias das institucións de Galicia que ofrecen información xuvenil sobre emprego, axudas á vivenda, cursos de formación, premios, turismo xuvenil, carné xove, etc..

Para elaborar esta listaxe de recursos na rede tívose en conta que a lingua na que se expresan é a galega e os contidos que ofrecen están relacionados coa nosa cultura e coa nosa lingua, é dicir, trátase de páxinas web, blogs e portais galegos e en galego.

Os trípticos informativos distribuironse entre os centros de ensino de Moaña, especialmente entre os institutos de ensino secundario, e entre as asociacións xuvenís e culturais deste termo municipal. Tamén están dispoñíbeis na Aula da Rede de Dinamización e na Casa da Mocidade do Concello de Moaña que colaboran na campaña.

Deste xeito pechamos as actividades do mes de maio celebrando que o 17 de maio é o Día das Letras Galegas pero tamén o Día de Internet e o Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información.