Hostalaría 2010/11

Campaña de galeguización do sector da hostalaría

INTRODUCIÓN

Durante o curso escolar 2007/08 o IES A Paralaia, a través do seu Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística, e o Concello de Moaña, a través do seu Servizo de Normalización Lingüística (en diante, SNL), levaron a cabo a campaña Galiméntate, campaña de dinamización lingüística no sector da hostalaría. Nesta campaña realizáronse unhas actividades e editáronse uns materiais que foron distribuídos entre o sector implicado durante os anos seguintes.

Para non caer no estancamento e seguir traballando en provocar cambios positivos cara á lingua neste sector, realizamos durante o curso escolar 2010/2011 unha nova fase desta campaña.

OBXECTIVOS XERAIS

  • Estabelecer redes de comunicación co sector hostaleiro que resulten rendíbeis no proceso de normalización da lingua e que senten as bases para a continuidade dos cambios.
  • Mellorar as actitudes lingüísticas do sector e da sociedade en xeral.
  • Provocar cambios perceptíbeis no uso da lingua.
  • Aprender a traballar en equipo.
  • Potenciar o noso sinal de identidade como atractivo fundamental de seu e asociado a uns produtos e a unha atención de calidade.

OBXECTIVOS ESPECÍFICOS

  • Fornecer recursos que axuden a coñecer o vocabulario específico do sector da hostalaría.
  • Coñecer as ferramentas relacionadas coa lingua que ofrece a rede.
  • Aprender a xerar contidos galegos e en galego na rede.
  • Ofrecerlle ao sector hostaleiro os apoios necesarios para a súa galeguización.
  • Utilizar o lema da campaña como unha marca de calidade que agrupe a todos os sectores implicados.

A QUEN VAI DIRIXIDA: sector da hostalaría

ACTIVIDADE

I. O alumnado do IES A Paralaia ponse en contacto cos hostaleiros de Moaña (bares de tapas, restaurantes, hamburguesarías…) para que estes acheguen unha receita que ofrezan nos seus locais. Para iso o alumnado disporá dunha ficha na que cubrirá o nome do estabelecemento, data da visita, enderezo, teléfono e correo electrónico, nome da persoa de contacto e observacións.

II. O alumnado traballa no centro escolar para redactar en galego cada prato. Deste xeito ponse ao día no vocabulario da gastronomía. O persoal docente do centro e o persoal do SNL asesoran e supervisan a actividade.

III. O conxunto das receitas vanse  recompilando e publicando seguindo este esquema xeral denominado:

ÍNDICE

 

 

 

1. Entrantes ervellas estufadas – polbo á feira – porros con touciño – torrada de atún con queixo e pemento do Piquillo

2. Primeiro prato arroz con lumbrigante – arroz tres delicias – bacallau á galega – espaguetes caseiros – lentellas viúvas – luras á romana – luras enceboladas – pasta con garavanzos – robaliza D´Carla – xoubas guisadas

 3. Segundo prato año asado – callos á galega – cocido galego – cordón blue – costelar de xabarín ao forno – peituga rechea – polo á pepitoria – polo asado con patacas – polo con fideos – solombo de porco con salsa de nata – tenreira guisada – tosta de solombo

4. Sobremesa filloas – galletas de chocolate – leite fritido – roscón – torta de noces – torta de turrón

 5. Establecementos colaboradores A Illa – Canario – Con Tapas – D’Carla – Eladio – Fonte das Donas – La Batea – Montevideo – O Alén – Portobelo – Prado Viejo – Ramona – Xente Nova

IV. O alumnado elabora unha relación de:

@ Materiais lingüísticos: glosarios, léxicos…

@ Enlaces de interese: directorio de páxinas en galego relacionadas coa hostalaría.

Por ser unha continuidade da campaña Galiméntate aproveitase o mesmo deseño como fondo e soporte da campaña.

MATERIAL COMPLEMENTARIO

Para completar a actividade, o SNL e o EDL do IES A Paralaia editan uns mandís e unha bolsas da compra deseñadas co lema da campaña. Este material repartirase entre os sectores implicados (alumnado, profesorado, hostaleiros/as, SNL).

Modelo do deseño editado nas bolsas da compra:  bolsas

Modelo do deseño editado nos mandís: mandil

PERIODIZACIÓN: curso escolar 2010/11

AVALIACIÓN

Antes de rematar o curso escolar, realizarase unha avaliación da actividade na que se valorará a consecución dos obxectivos e a implicación dos sectores implicados. Proporanse as medidas correctoras, caso de necesitárense, cara á edición futura da actividade.

_ _ _ _ _ _ _ _ _ _ _ _ _ _ _ _ _ _ _ _ _ _ _ _ _

13/06/11

O día 13 de xuño presentamos a actividade Receitas para a lingua no salón de plenos do Concello de Moaña para dar conta de como foi o proceso.  Tamén se presentou o recetario que resultou do traballo de recollida realizado polo alumnado do IES A Paralaia e que se pode descargar aquí: Receitas para a lingua.

O traballo realizado desde o punto de vista do alumnado de 4º A de ESO podémolo resumir na intervención feita por Cristina Romero en nome de todo o grupo e que transcribimos a continuación:

“Ao longo deste curso realizamos un interesante traballo que consitiu en recoller receitas de diferentes estabelecementos do noso municipio, traducilas ao galego e publicitar o noso traballo elaborando un ficheiro e colgándoo no blog de normalización do noso centro.

Pareceunos un traballo moi interesante porque nos axudou a potenciar o uso da lingua galega dentro e fóra das aulas ademais de mellorar o noso coñecemento do idioma pois aumentou a nosa bagaxe léxica atendendo a termos culinarios. Tamén conseguimos asimilar técnicas de redacción e mesmo saber esquematizar e organizar a información que nos achegaban para logo poñela por escrito.

Foi un traballo que realizamos en grupo o que nos axudou a reforzar valores como: a amizade, o respecto polas opinións dos demais e en xeral a coñecérmonos mellor. Aprendemos tamén a perder a vergoña a expresarnos en público, é dicir, adquirimos seguridade en nós mesmas e en nós mesmos á hora de presentar a campaña nos diferentes establecementos e sobre todo afianzamos a nosa competencia en lingua galega, pois conseguimos dar un paso moi importante para nós: utilizar a lingua galega fóra das aulas.

Este traballo fomentou o uso das novas tecnoloxías, combinando imaxe e texto e finalmente subíndoas ao blog de normalización.

Tamén queremos dar as grazas aos hostaleiros que nos deron moi boa acollida, nalgúns deles incluso chegamos a probar a receita elaborada. Para eles tamén está a ser unha boa campaña publicitaria.

Resultou un traballo moi agradable que nos sacou da rutina diaria das aulas e nos fixo ver doutra maneira a realidade actual da lingua galega.”

Para rematar, houbo un posado do grupo cos mandís e as bolsas.

.