Hostalaría 2007/2008


Campaña de galeguización do sector da hostalaría

I. INTRODUCIÓN

O SNL do Concello de Moaña e o IES A Paralaia realizaron esta campaña de dinamización lingüística dirixida a hostalaría polo seu especial vínculo coa comunicación e coas relacións interpersoais. Este sector, pola súa especial relevancia pode servir como referencia para o resto da cidadanía e así expandir os efectos da campaña ao conxunto da poboación.

O galego é cada vez máis unha vantaxe competitiva que os nosos restaurantes non deberían desaproveitar: de cara á xente de fóra permite diferenciar o produto e apreciar na oferta gastronómica unha autenticidade que se fai única; e de cara ao conxunto dos galegos e galegas – a maioría da súa clientela – o noso idioma achega un valor de proximidade, de aprecio polo propio.

Con esta campaña preténdese apoiar a galeguización dos estabelecementos hostaleiros considerando que a nosa lingua vai ser un elemento de modernización e un valor engadido na promoción do sector.

II. OBXECTIVOS XERAIS

  • Ofrecerlles aos restaurantes os apoios necesarios para a súa galeguización, dentro dun proceso máis amplo de mellora da imaxe e da calidade dos seus servizos.
  • Utilizar o galego como un elemento de modernización e como un valor engadido na promoción do sector.
  • Estabelecer redes de comunicación co sector hostaleiro que resulten rendíbeis no proceso de normalización da lingua e que senten as bases para a continuidade dos cambios.
  • Mellorar as actitudes lingüísticas do sector e de sociedade en xeral.
  • Provocar cambios perceptíbeis no uso da lingua.

III. OBXECTIVOS ESPECÍFICOS

  • Responder ás expectativas do mercado galego que vai valorar positivamente que se lle ofrezan servizos na súa  lingua, e facilitar a comunicación noutras linguas (castelán, inglés e francés) co mercado externo.
  • Potenciar o noso sinal de identidade como atractivo fundamental de seu e asociado a uns produtos e a unha atención de calidade.
  • Crear unha marca ou un lema que identifique a campaña e os restaurantes asociados que sirva como elemento de difusión da propia campaña e dos estabelecemos que participan.
  • Promocionar estabelecementos da comarca como alternativa gastronómica.

IV. DESENVOLVEMENTO DA CAMPAÑA

  1. Estudo do sector. Tras realizar un traballo de campo, elaboramos unha base de datos cos estabelecementos susceptíbeis de participaren na campaña.
  2. Contactamos co sector para explicarlles a campaña e para buscar a súa adhesión. Estabelecemos un primeiro contacto de maneira persoal (visitas dos estabelecementos).
  3. Buscamos un lema para a campaña e deseñamos os materiais. O lema escollido asocia o uso do galego cun referente de calidade que sirva para promocionar o sector. O alumnado do IES A Paralaia realizou unha tormenta de ideas da cal xurdiu o lema da campaña: Galiméntate. Os materiais da campaña deben ter un deseño atractivo, moderno e de calidade e, ademais, deben resultar útiles para o sector para que así teñan a maior perdurabilidade posíbel. O alumnado de plástica do IES A Paralaia, dirixidos polo seu profesorado, deseñaron os materiais.
  4. Fixamos os criterios de tradución e elaboramos as cartas tendo en conta as preferencias dos estabelecementos adheridos. O ENDL do IES A Paralaia, xunto co profesorado de inglés e francés, elaboraron os textos das cartas gastronómicas e dos materiais, asesorados polos SNL do Concello de Moaña.
  5. Distribuímos os materiais da campaña entre o sector.
  6. Publicitamos a campaña.

V. DESTINATARIOS: hostalaría

Relación de estabelecementos adheridos á campaña

  • A Casa do Tito, cociña tradicional A Porta do Sol, 5, baixo , tel. 986315643
  • Asador Restaurante Tradicional La Paz R/ Méndez Núñez, 22, tel. 986311350
  • Bar – Restaurante O´Mingueo Abelendo, tel. 986311648
  • Bar – Viños – Tapas O Bodegón Verdeal, 43, Domaio, tel. 986326229
  • Bar – Viños – Tapas O Bodegón 2 Verdeal, 11, Domaio, Tel. 986326456
  • Churrasquería El Gringo A Paradela, 83, tel. 986313556
  • Hamburguesería Beiramar R/ Concepción Arenal, 15, tel. 986313569
  • O Novo Faria A Paradela, 49, tel. 607988431
  • Parrillada Montevideo  Reibón, 3, A Xunqueira, tel. 986312603
  • Restaurante Casa Barra Sisalde. Estrada a Verducedo, tel. 696510530
  • Restaurante Cuncho Vello Palmás, 74, 1º, Domaio, tel. /fax 986326274
  • Restaurante Fonte das Donas R/ Donato Bernárdez s/n, tel. 986 393176 – Fax 986393177
  • Restaurante Marusía Avda. J. Costa Alonso, 96, O Con, tel. 986310846
  • Restaurante O Xantar de Mónica Porto de Domaio, tel. 986326243
  • Restaurante Prado Viejo   R/ Ramón Cabanillas, 16, tel. /fax 986311634
  • Restaurante Tapería Bajamar A Ribeira núm. 7, tel. 986310509
  • Taberna O Beque A Fraga s/n, tel. 986687863 / 657121429
  • Tapería – Bocatería Con Tapas R/ Daniel Castelao, 28, tel. 986315252
  • Tapería O Tren Abelendo 70, tel. 986314150
  • Tapería – Restaurante La Batea R/ Concepción Arenal, 222, tel. 986310111

VI. MATERIAIS

  1. Cartas co menú personalizado de cada estabelecemento en varios idiomas. O galego figura en primeiro lugar e en letra destacada.
  2. folio de notas. Trátase de folios impresos co deseño da campaña pero sen un texto predefinido. Daralle visibilidade á campaña e permitiranlles aos estabelecementos, á parte dos menús personalizados, ter un soporte “aberto” no que promocionar a súa oferta gastronómica.
  3. gardamantel. Pode resultar un elemento moi visíbel tanto para os profesionais como para a clientela.
  4. marcapaxinas. Neles figurará o lema da campaña e a lista de estabelecementos adheridos.  Estarán a disposición da poboación nas institucións e estabelecementos adheridos e nas oficinas de turismo de Moaña. Servirán para difundir a imaxe e a mensaxe da campaña como forma de promocionar os estabelecementos adheridos e os seus produtos, sempre asociados á modernidade e á calidade.
  5. diplomas. Cada estabelecemento que se adhire á campaña disporá dun diploma que acredita a súa adhesión, que poderá expor no local nun lugar visíbel.