Como a miña nai, ningunha

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Moaña e o Equipo de Dinamización Lingüística do IES A Paralaia promoven a campaña para conmemorar o Día de Nai no comercio moañés e promocionar o uso da nosa lingua neste sector.

Para iso, durante este curso escolar, o alumnado do IES A Paralaia converteuse en axente dinamizador ao realizar as seguintes actividades:

–       O alumnado de 4º. de ESO e bacharelato púxose en contacto con comercios de agasallos, de roupa, florarías, pastelarías, xoiarías, ópticas, mercerías… para explicarlles en que consistía esta campaña e conseguir o seu compromiso de adhesión. Conseguiron que 32 comercios colaboren nesta campaña.

–       O alumnado de 1º. e 2º. de ESO traballou na aula de plástica no deseño dunha tarxeta de parabéns. A deseñada por Alexandre Palmero Santomé, de 1º. ESO B, foi a seleccionada.

Na aula de lingua elaboraron coplas que fan alusión ao recoñecemento e o cariño co que queremos agasallar as nais no primeiro domingo de maio, que este ano coincide co 5 de maio. A copla seleccionada é a de Samuel Crespo Carballo, de 2º. ESO A.

Da mestura do deseño e da copla saíu esta tarxeta de parabéns que os comercios colaboradores repartirán entre a clientela que merque nos seus locais un agasallo con motivo do Día da Nai. Ademais, adornarán os regalos cunha etiqueta conmemorativa co lema da campaña: Como a miña nai, ningunha.

Para que a clientela poida identificar os comercios que se adheriron a esta campaña, tamén distribuímos un diploma de comercio colaborador que cada un deles colocará nun lugar visíbel do seu local.

Comercios colaboradores

 

No Servizo de Normalización Lingüística, situado no ático da Casa do Concello, dispomos deste material impreso que repartiremos entre outros comercios, que así nolo soliciten, e entre particulares ata esgotar existencias.