Toponimia de Moaña

 

Un rico mosaico de nomes de lugar

 Desde as chans e as cavadas das máis altas mesetas de Domaio ata as fanequeiras das profundidades da ría, todo o territorio moañés se configura como un complexo mosaico de topónimos que dan fe do dilatado devir lingüístico e histórico destas terras.

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Moaña sumouse ao Proxecto Toponimia de Galicia da Xunta de Galicia co gallo de evitar a perda dos nomes de lugar e contribuír á normalización lingüística e xeográfica.

A dispersión dos núcleos de poboación, o minifundismo, a xeografía irregular, a singular maneira de explotar os recuros agrícolas e mariñeiros… permitiron que en toda a xeografía galega existan milleiros de nomes de lugar que lle engaden un pouso histórico de incalculábel valor.

O nome de veigas, pedras, penedos, regueiros, tomadas, cavadas… (microtopónimos) suscitan en por si interese porque son parte da nosa identidade: somos de onde nacemos, onde xogamos e fomos á ecola, nomes todos que teñen un significado curioso e, moitas veces, descoñecido.

Hoxe en día, a transformación demográfica, a progresiva desaparación do rural  e a urbanización ameazan a conservación deste tesouro. Boa parte dos topónimos menores só teñen vida na fala ou na memoria de persoas de idade e todos eles teñen un grande interese científico e un enorte valor como patrimonio cultural de Galicia.

Detrás de cada nome de lugar hai unha historia, unha lenda, un xeito de traballar a terra, unha forma da natureza, un posuidor… descúbreo connosco!

Metodoloxía do traballo

Este traballo comezado no ano 2003 e que se desenvolveu durante varias fases, comezou cunha primeira recollida en campo da toponimia e microtoponimia do termo municipal, que despois foi catalogada, codificada, normativizada e localizada na cartografía polo SITGA e pola Comisión de Toponimia. Nesta primeira achega, recollemos 1.100 topónimos.

O SNL coordinou a actividade para o cal realizou as seguintes tarefas:

– Dirixirse aos diferentes colectivos sociais do concello para que participen no programa e xerar un proceso participativo coa sociedade moañesa, verdadeira coñecedora dos antigos nomes do lugar.

– Elaborar unha base de datos das e dos informantes que participaron na primeira fase do proxecto e dirixirse a eles para que asistan ao acto de presentación e corroboren os datos fornecidos, así como agradecerlles o seu compromiso.

– Elaborar o material didáctico de apoio para completar a exposición. Definición de contidos tanto para elaborar varios murais como dípticos para a presentación. Elaboráronse 3 paneis informativos para ilustrar os 15 paneis coas fotos aéreas. Neles tratouse de reflectir a relación da toponimia co patrimonio; coas lendas e coa arqueoloxía do lugar; coa orixe e o significado que encerran. En definitiva, facer un percorrido histórico polo territorio a través do seus nomes de lugar.

– Informar e animar un proceso de retroalimentación entre a información fornecida e a recollida dos novos datos e informantes.

– Ilustrar a importancia da toponimia: usos e funcións do territorio, lugares, oficios …

Presentar oficialmente o proxecto. Ao acto asistiron informantes, representantes dos colectivos culturais, dos centros de ensino e dos equipos de normalización lingüística, profesorado da área de lingua galega da Universidade de Vigo etc. E tivo unha importante difusión nos medios de comunicación.

– Expoñer a cartografía dixitalizada. Tras a presentación, a exposición moveuse polas distintas parroquias do concello.

Conscientes  de que esta primeira peneira foi escasa, desenvolvemos unha segunda fase para recoller máis microtopónimos, realizar comprobacións en campo e contactar con informantes que axudasen a resolver as dúbidas aparecidas.

Abrimos un proceso de colaboración coa veciñanza que incluíu:

–  Anuncio previo na prensa e notas informativas colocadas nos lugares destacados do barrio. Neles indicábase os días en que ía estar aberta a exposición nesa parroquia, o lugar onde se ía instalar e o horario de visitas.

–  Nos centros de ensino da zona entregóuselles unha nota informativa para que o profesorado repartise entre o seu alumnado. Por esta vía conseguiuse que algúns nenos e nenas acudisen coas súas nais e país para visitar a exposición.

– Contacto con persoas destacadas do movemento asociativo da zona (sobre todo, veciñais, de montes e xubilados) para telos ao corrente desta actividade. En moitos casos, serviron de axentes pois acudiron á exposición con posíbeis informantes ou con listas de topónimos. Nas zonas do litoral, puxémonos en contacto cos mariñeiros retirados e coas persoas das confrarías de pescadores para mellorar a recollida da toponimia marítima e engadirlla aos mapas.

Datos obtidos ao final do programa

Novos topónimos conseguidos: 3257

Se os sumamos aos recollidos nos mapas na 1ª fase (1.079) = 4.336, dános unha densidade por km2 de 124 topónimos. Estes datos son aproximados, pois unha vez que se pasen á base de datos, poden variar algo.

Datos das exposicións realizadas:

parroquias Topónimos recollidos asistencia
Moaña – O Carme 350 150 persoas
Domaio 500 200 persoas
Meira 500 200 persoas
Moaña – San Martiño 470 84 persoas
Tirán 210 108 persoas
             TOTAL 2030 712 persoas

 Número de topónimos recollidos por outros sistemas (saídas ao campo, entrevistas, achegas de persoas que pasaron polo SNL…): 1227.

Nesta nova recollida, inclúese unha importante achega de hidronimia do mar (pendente de cuantificar).

No tocante ao número de informantes conseguidos: na exposición: 54; noutros sistemas: 29; total: 83

Datos destacábeis: se ben houbo un repartimento paritario en canto ao xénero, as mulleres achegaron unha información cualitativamente máis aproveitábel.

Perfil das persoas que asistiron ás exposicións

  • Grupo maioritario de asistentes: parellas de mediana idade cunha afinidade ou compromiso coa cultura tradicional do país. Moitas delas coñecían, en maior ou menor grao, diferentes aspectos da cultura popular e historia de Moaña e vían na toponimia unha nova faceta desa cultura que lles era de moito interese.
  • Grupo das persoas maiores: amosa unha dicotomía entre aquelas que só entraban a pescudar e aqueloutras verdadeiramente interesadas que decontado se fixeron partícipes do proceso (solicitaron axuda para ler os topónimos, preguntaron polas fotos aéreas doutras parroquias, polo significado dos nomes de lugar, achegaron información sobre os topónimos coñecidos, achegaron revistas, folletos, documentos que consideraban de interese para o traballo …).
  • Colectivos veciñais e culturais: hai que sinalar o importante grao de compromiso dalgúns membros destacados destes colectivos, pois mobilizaron aos posíbeis informantes.

Por outro lado, non todas as persoas que asistiron foron informantes; no entanto, unha maioría das persoas de máis de cincuenta anos foron informantes en diversos graos: acudiron de pé feito para achegar os topónimos que coñecían ou que recolleran doutras persoas.

Un dato destacábel: non se rexistraron visitas de persoas de menos de trinta anos (agás dos nenos e nenas que viñan cos seus país).

Difusión da actividade

Os métodos que mellor funcionaron foron:

  • O boca a orella.
  • As invitacións para o alumnado dos centros de ensino para convidar os pais e outros achegados para visitar a exposición.
  • Contacto permanente con destacados membros das asociacións culturais e veciñais da zona.
  • A prensa escrita. Esta última axudou a crear un ambiente de “sa competitividade” entre as parroquias que contribuíu a aumentar a curiosidade e a asistencia.

 

Avaliación do proxecto

No momento actual, podemos facer unha avaliación moi positiva que baseamos nos seguintes aspectos:

  • Facer circular a exposición e achegar a toponimia á sociedade viuse que multiplica a recollida de topónimos e o número de persoas participantes, pois estas perciben a súa funcionalidade social e a comprensión de que a toponimia e a normalización van da man: están no mesmo campo, socialmente asumido, o cal lle dá un uso normal ao galego.
  • A toponimia como utilidade. Atopamos unha colaboración atípica, espontánea, da xente que quere participar e achegar o seu coñecemento para o cal se poñen en contacto co SNL ou acoden á exposición con listas de topónimos, documentación antiga ou avisan de novos posíbeis informantes, mesmo acoden con informantes que saben que nos poden dar moita información.

Nesta colaboración puido influír o enfoque de utilidade que a poboación en xeral percibiu da finalidade do proxecto e o feito de dirixírmonos a ela con transparencia e naturalidade. Pensamos que este dato pode terse en conta á hora de abordar este tipo de traballos noutros concellos.

  • Implicación dos medios de comunicación. Conseguiuse a implicación dos medios de  comunicación que fan un seguimento do proxecto e demandan información, o cal é un dato significativo.

A medida que os medios de comunicación van difundindo a información toponímica con respecto ao significado dos nomes de lugar e a súa ortografía, vanse asumindo “novos criterios ortográficos” con respecto a topónimos en conflito (Verducedo non Berducedo; Gagán, non Xaxán; As Pagonas, non As Pajonas…).

Conclusións

Desde o SNL queremos salientar a importancia de recoller estes nomes e a utilidade deste proxecto pois é necesario fixar as formas oficiais dos nomes de lugar para sempre en moitos ámbitos de actuación, como por exemplo:

Na Administración local:

  • Urbanismo: elaborar documentación sobre os plans xerais, licenzas de obra…
  •  Turismo: elaborar guías, paneis informativos, rutas de sendeirismo…
  • Policía local: transcrición axeitada dos nomes de lugar nos informes, atestados…
  • Secretaría: transcrición axeitada dos nomes de lugar nas actas, informes…
  • Na sinaléctica: rotulación oficial de rúas, barrios…
  • Noutros ámbitos:

            – Correos: delimitación de barrios, rúas…

            – Construtores e promotores: nome de edificios, casas…

            – Hostalaría: nomes dos estabelecementos, enderezos…

            – Guías telefónicas.

            – Prensa escrita.

Evitaríase que aparecesen formas gráficas incorrectas (e non oficiais) que se van reproducindo sistematicamente, como os exemplos xa comentados, ou mesmo “chocantes” como: 

            Praia do Carnaval (no canto de: Praia do Canaval);

            Chan da Goa (no canto de: Chan da Lagoa);

            A Conexa (no canto de: A Canexa).

Novas campañas de dinamización poderíanse basear na relación entre o territorio e os nomes de lugar, as vivencias persoais, o lúdico e farían que este proxecto se retroalimente e siga activo no tempo e que non remate tras a exposición.

Outra posíbel vía que se nos abre é colaborar activamente cos centros de ensino. Grupos de escolares cos seus mestres e profesores pasaron xa pola exposición e seguen demandando máis actividades relacionadas coa toponimia e o seu significado.

Dous técnicos de campo, contratados para o proxecto, realizaron a recollida da microtoponia. A Comisión de Toponimia e o Sitga revisaron os nomes que lles achegamos e os dixitalizaron durante o ano 2010.

O SNL agradece a participación de todas as persoas que tan xenerosamente colaboraron no proxecto e que tanta información nos achegaron. Sen a súa memoria colectiva este traballo non sería posíbel.